Thursday 25 de April de 2024

O Concello de San Sadurniño publica a licitación de obras por valor de 276.000 euros


As dúas de maior envergadura son o aglomerado da estrada Amido-A Chabola e a construción dun local polivalente na parroquia de Lamas

Xa están publicados na Plataforma de Contratación municipal os catro proxectos acollidos ao finanzamento do Plan Complementario Deputación da Coruña, tres deles centrados en melloras na rede viaria e, o cuarto, para a ampliación do local social de Lamas. Todos saen a contratación por separado e por distintos importes que, en conxunto, suman un total de 276.598,45 euros, ive incluído. As empresas teñen até o 17 de setembro para achegar as súas propostas técnicas e económicas. Namentras, o Concello acaba de adxudicar outro grande paquete de reparacións de pistas pertencentes á programación do POS+ 2019 e do Plan de Camiños da AGADER que comezarán a executarse de forma inminente. Neste caso o importe global de adxudicación dos contratos ascende a 258.381,93 euros.

Con cargo ao plan de obras do POS+ redactáronse tres proxectos de obra. Así, en Santa Mariña do Monte está previsto o amaño da pista que vai de Sabanda á Pena, o acceso ao núcleo do Colado e o camiño do Espiñeiro. Son tres tramos que suman 1,3 quilómetros aos que se lles botará unha nova capa de asfalto cun custe de 25.552€. Os labores encomendáronselle á empresa SYR-AMG S.L.

O segundo proxecto acollido ao plan provincial foille adxudicado en 51.099 euros a Canarga S.L. e inclúe dúas actuacións con aglomerado asfáltico: unha en San Sadurniño para conectar a Agra de Abaixo coa estrada de Pedroso -pasando por Vilafiúnce- e outra que una a pista de Campolabrado coa antiga estrada das Pontes no lugar do Pico, en Naraío. A distancia total que se reparará chega a 1,4 quilómetros.

Na relación de obras incorporáronse a un único proxecto as reparacións da pista que vai desde Piñeiros ata o límite con Narón -San Sadurniño-, a que comunica Cadavás coa estrada provincial DP 701 -a estrada de Ferreira-, o eixo principal do núcleo do Pico -tamén en Ferreira- e o tramo que vai desde os Miguelares até a Ermida, en Igrexafeita. Neste caso arranxaranse case 2 quilómetros de pistas cunha nova superficie asfaltada. Das obras encargarase Excavaciones Saavedra y López S.L. por un prezo de adxudicación de 30.431 euros.

Ademais de programar reparacións con cargo ás axudas directas do Plan Único, o Concello tamén decidiu solicitar a liña crediticia da Deputación, o antigo PAI, co que se financiarán dous grandes tramos de aglomerado en Santa Mariña e en Bardaos. Dunha banda amañarase o eixo Castrelo-Cabanela-A Veiga, de case 2,8 quilómetros e da outra acometerase a conexión da pista da Bañoca co límite de Moeche –400 m.-, que o concello veciño tamén aglomerará polo seu lado ata a confluencia coa estrada de Ortigueira. Este contrato adxudicóuselle a Canarga S.L. por un prezo de 97.785 euros, é dicir, arredor de 15.000 euros menos que a base da licitación.

Alén do finanzamento provincial, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER) tamén achega fondos a través do denominado Plan de Camiños. A documentación rexistrada na axencia pública recolle os proxectos para amañar algo máis de 5 quilómetros de pistas en Bardaos, San Sadurniño e Naraío.

No caso de Bardaos repararase o tramo que vai desde As Loibas até o Carbeiral, que cobre unha distancia de 1.100 metros. En San Sadurniño tocaralle á pista que enlaza A Pena co Albeiro -2.170 metros- e, por último, en Naraío, pavimentarase o coñecido como “camiño vello” que sobe desde o Cerdeirido até Lourido pola Augaquente e Neirós, cunha distancia de 1.905 metros. Había reservados 77.500 euros que, trala rebaixa do prezo ofertada pola empresa que resultou adxudicataria -Excavaciones Saavedra y López S.L.- quedarán en 53.542,50€.

Agora, 6 quilómetros máis de pistas e o local de Lamas
Cos contratos que acabamos de enumerar, e que xa están adxudicados, o Concello amañará con asfaltos e aglomerados un total de 13 quilómetros de vías municipais -13.070 metros, exactamente-, aínda que estas non serán as únicas melloras previstas na nosa rede viaria. E é que hai tan só uns días subíronse á Plataforma de Contratación outros tres proxectos onde se define a reparación doutros 6,08 quilómetros de pistas.

O trazado de maior envergadura -82.509€- é o que comunica o límite coas Somozas, en Amido, co núcleo da Chabola pasando polo Hedreiro e Caínce, xa en Ferreira. Son 2,6 quilómetros de pista asfaltada á que agora se lle botará un novo firme aglomerado.

No paquete de licitacións vai tamén o asfaltado dos 1,8 quilómetros de estrada que comunican O Cando co Castro, en Igrexafeita, cun custe estimado de 47.983€, e dous tramos en Naraío cifrados conxuntamente en 34.277 euros. Son a pista desde A Vila até O Freixo e a que vai da Longra á Braña polos Foxos, que en total suman algo máis de 1,6 quilómetros de trazado.

Porén, a partida que suporá un investimento máis elevado dentro do Plan Complementario é a da construción dun anexo ao local social de Lamas. Está cuantificada nun prezo de saída de 111.828 euros que se dedicarán a facer unha ampliación das instalacións que veña corrixir os problemas de accesibilidade e usabilidade do actual inmoble, concibido no seu día cunha estrutura de dous andares máis propia dunha vivenda que dun local social.

O Concello levaba tempo falando coa veciñanza da parroquia sobre como remodelar o local do Chao de Lamas para que se axeitase mellor ás actividades que alí se organizan. A conclusión á que se chegou foi a de aproveitar parte da parcela para construír un salón polivalente anexo ao edificio principal. As instalacións estarán comunicadas co andar inferior do local social e suporán un incremento próximo aos 130 m² de superficie útil, incluído un escenario de algo máis de 36 m². Os planos mostran unha edificación de planta baixa con grandes fiestras e unha porta de acceso independente, xunto con rampas de acceso para persoas con mobilidade reducida.

As empresas que queiran optar a facerse con calquera destes catro proxectos municipais teñen até o 17 de setembro para presentaren as súas propostas técnicas e económicas. A información completa -pregos técnicos e administrativos- pode descargarse da Plataforma de Contratación, no apartado Xunta de Goberno Local/Licitacións.